O BNG-AA denuncia que o PSOE estragou 64 000 euros en publicidade e “paparotas”

O BNG-AA denuncia que o PSOE estragou 64 000 euros en publicidade e “paparotas”

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

“Estes cartos estragados en gastos que non lle aportan absolutamente nada á veciñanza estarían moito mellor investidos na recuperación do Casco Histórico ou en políticas de emprego”.

Betanzos, 12 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas fixo público que o goberno municipal do PSOE gastou, segundo a conta xeral do 2014, un total de 39 385.34 euros en atencións protocolarias, cando no orzamento estaban previstos só 6000 euros neste concepto. “Atencións protocolarias é o nome oficial das ‘paparotas’, os regaliños sen criterios públicos e o pago de pinchos e outros favores ás entidades que o PSOE elixe como lle peta e que suman ás subvencións concedidas de xeito legal”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Máis de cinco veces os cartos previstos nos orzamentos para isto”, denuncia.

No mesmo sentido, as nacionalistas advirten que en publicidade e propaganda o goberno do PSOE gastou no 2014 uns 25 350,75 euros. “Nos orzamentos prevían 8900, así que en propaganda gastaron 16 450 euros en propaganda sen ter fondos, que non está mal para un concello coma Betanzos”, advirte Del Río.

“A cada persoa das que vivía en Betanzos no ano 2014 tocounos pagar 2,95 euros para que o goberno local fixera comelladas e 1,90 euros en propaganda para que nos convencerán do ben que o estaban a facer” lamenta o edil do BNG-Asembleas Abertas. “En total son 64 736,09 euros estragados en gastos que non lle aportan absolutamente nada á veciñanza e que estarían moito mellor investidos na recuperación do Casco Histórico ou en políticas de emprego”, engade.

“Fundir case 40 000 euros en paparotas non é escandaloso, é o seguinte”, ironiza o voceiro nacionalista. “Semella que o PSOE non se quere decatar de que son cartos de toda a veciñanza” critica. “Despois aínda encima méntennos á veciñanza dicindo que suprimiron os gastos superfluos, como fixeron cando presentaron os orzamentos”, prosegue.

“Logo din que non hai cartos para manter servizos públicos dignamente e garantindo a calidade de vida para a veciñanza”, engaden as nacionalistas. “Como os vai haber, se o PSOE prefire destinalos a regaliños, a pinchos e xantares para as entidades que lle enchen o ollo ao alcalde e mais a propaganda”, asegura o nacionalista. “E medo nos dá xa ver a conta do ano electoral visto o visto!”, denuncian.

O BNG-AA denuncia que o PSOE estragou 64 000 euros en publicidade e “paparotas”