O BNG-AA demanda información sobre a transformación do Consorcio das Mariñas en mancomunidade

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas
O BNG-AA demanda información sobre a transformación do Consorcio das Mariñas en mancomunidade

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

Del Río: “Queremos saber se van dar debate sobre o modelo de xestión dos residuos”

Betanzos, 5 de abril de 2016. O BNG-Asembleas Abertas demandou no pleno do pasado martes información sobre o proceso de conversión do Consorcio das Mariñas en mancomunidade.O concelleiro de BNG-AA, Henrique del Río, lembrou que o pleno do 18 de decembro de 2014, a proposta do goberno local, decidiu promover a conversión do Consorcio das Mariñas en Mancomunidade, co único voto en contra precisamente do BNG. “Nese pleno, o goberno alegaba unha gran urxencia e premeu á oposición para apoiasen a conversión en mancomunidade, alegando que se non se facía antes de 2015 o concello deixaría de ter garantida a recollida do lixo”, explicou del Río, “o informe do secretario do Concello foi desfavorábel e advertía de moitas dúbidas legais sobre este proceso, mesmo noutros concellos coma o de Oleiros chegou a retirarse o punto da orde do día do Pleno”.

No mes de outubro de 2015 ía ter lugar a asemblea constituínte da mancomunidade despois dunha paralización do proceso por dúbidas legais e como afirma Henrique del Río “mesmo foramos xa convocados como concelleiros á dita asemblea”. Porén, a única novidade em semanas foron as declaracións do goberno local de Arteixo e as do presidente do Consorcio das Mariñas, o alcalde de Abegondo. “Despois de que o alcalde de Arteixo decidise abandonar a xestión de residuos do Consorcio paralizouse o proceso e 1 ano e 4 meses despois daquel Pleno seguimos sen ter dato ningún do frustrado proceso de constitución da mancomunidade”, indicou Del Río.

O Consorcio das Mariñas segue funcionando e a falta de información sobre este tema aos membros da corporación e á veciñanza é total. “O Consorcio xa nunca tivo un funcionamento transparente xa que só teñen representación un membro do goberno de cada Concello e non se traslada á oposición nin a veciñanza información directa sobre contratos, orzamentos nin funcionamento do mesmo”, incidiu o voceiro nacionalista.

O concelleiro nacionalista pregúntase “que razóns poden estar detrás desta falta de información” e nese sentido, as nacionalistas piden información sobre as intencións do goberno local na materia: “Queremos saber se van dar debate sobre o modelo de xestión dos residuos. Se así fose, entendemos que deben explicar á veciñanza as posíbeis opcións”, apunta o portavoz nacionalista. Na actualidade a xestión de residuos faise a través de Nostián e a recollida esta xestionada por unha empresa privada.

O BNG-AA demanda información sobre a transformación do Consorcio das Mariñas en mancomunidade