O BNG-AA cuestiona que se priorice facer unha pérgola en lugar de reparacións na escola infantil

Deseño da pérgola na que o goberno investirá máis de 9000 euros
O BNG-AA cuestiona que se priorice facer unha pérgola en lugar de reparacións na escola infantil

Deseño da pérgola na que o goberno investirá máis de 9000 euros

“Este dispendio en pérgolas e luminarias vai máis na liña dos baúis veroneses e terrazas do PP que na de atender as necesidades da veciñanza”

Betanzos, 17 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas lamentou que o goberno local acordase destinar máis de nove mil euros á construción dunha pérgola na unión das rúas Doutor Fléming e Cruz Verde. Lamentan que estes cartos non se destinen a solucionar todas as deficiencias detectadas na escola infantil municipal de San Francisco, onde urxe o amaño dos ventanais.

Segundo o proxecto presentado a un dos plans de obras da Deputación, na construción de bancos de formigón, postes e viseiras de chapa metálica irán máis de nove mil euros. Ademais, o proxecto inclúe a instalación de varias luminarias de máis de mil euros a unidade. “É unha dispendio completamente innecesario para sanear este espazo e convertelo nunha praza”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Para as nacionalistas, “este espazo quedaría igual de digno cunha pavimentación, varias árbores e un par de farolas e bancos dos que hai nos almacéns municipais”. “Este dispendio en pérgolas e luminarias vai máis na liña dos baúis veroneses e terrazas do PP que na de atender as necesidades da veciñanza”, cuestionan.

Debuxo de como quedaría a praciña. Ao fondo, as farolas contra o edificio existente

O BNG-Asembleas Abertas non comparte que o goberno local non destinase parte do plan de obras a solucionar as deficiencias da escola infantil municipal. “Tan só incluíron suprimir a piscina de area, mais actuacións que demandan as docentes como reparar uns ventanais que deixan pasar frío e aire ao interior do centro quedarán para outra, porque a prioridade é a pérgola”, lamentan.

Deseño da pérgola contratado a dedo

As nacionalistas engaden que o deseño da pérgola e da praciña que se creará no cruzamento das rúas Doutor Fléming e Cruz Verde foi contratado a dedo polo goberno local a un estudo de arquitectura privado. “O Concello ten medios suficientes para facer o proxecto, mais novamente estamos en que cos cartos de todas o PSOE pretende facer clientelismo”, conclúen.

O BNG-AA cuestiona que se priorice facer unha pérgola en lugar de reparacións na escola infantil