'Betanzos e a súa comarca' entrevista a Henrique del Río

"Apostamos polo desenvolvemento do centro comercial aberto e pola creación dun viveiro de empresas".

'Betanzos e a súa comarca' entrevista a Henrique del Río

Apostamos polo desenvolvemento do centro comercial aberto e pola creación dun viveiro de empresas".

Betanzos, 10 de maio de 2011. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' que edita ACEBE ven de recoller nas súas páxinas unha entrevista a Henrique del Río, candidato do BNG á Alcaldía de Betanzos, con motivo das eleccións municipais. Polo seu interese reproducímola a seguir de xeito íntegro.

"Apostamos polo desenvolvemento do centro comercial aberto e pola creación dun viveiro de empresas"

Henrique del Río Otero (Betanzos, 1982) é o candidato do BNG á Alcaldía de Betanzos. Logo de comezar os seus estudos no Vales Villamarín e no Francisco Aguiar, licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración. Posteriormente rematou un Mestrado en Administración Local que complementou cunha formación práctica na Administración Pública, onde desenvolveu parte da súa experiencia profesional. Desde 2008 é concelleiro do BNG en Betanzos e desde 2010 é o voceiro no Concello. Con motivo das próximas eleccións municipais do 22 de maio preguntamos ao candidato polas propostas do seu grupo en relación coa promoción comercial, o turismo, o emprego, o casco histórico e outras cuestións de interese para a cidadanía.

Acebe CCA ampliou as súas accións promocionais, algunhas como MercaBetanzos promovidas inicialmente polo Concello, e outras, como a Feira Empresarial e Comercial ademais de diferentes campañas ao longo do ano, promovidas pola Asociación e para o que conta coa colaboración de diferentes organismos, entre eles o municipal. Cal sería o compromiso do seu partido en relación ao apoio á dinamización comercial? Manterían ou potenciarían este tipo de acordos?

Hai oito anos o BNG creou a concellaría de Comercio e promoveu a sinatura do convenio de colaboración entre ACEBE e o Concello. O goberno do BNG colaborará de xeito activo en todas as iniciativas que nos achegue a Asociación de Comerciantes e Empresarios (ACEBE) dado que repercuten directamente no desenvolvemento económico de Betanzos e trasladará tamén ideas á asociación. Entendemos que esta colaboración dará lugar a sinerxías moi interesantes e proveitosas para a cidade.

O comercio, a hostalería e as pequenas e medianas empresas son os principais motores económicos de Betanzos e xeradores de emprego, de que forma protexería a estrutura comercial actual e cales son as súas propostas para o asentamento de novas empresas? Apoiaría a implantación dunha grande superficie comercial en Betanzos?

O BNG aposta polo desenvolvemento do centro comercial aberto e a limitación da implantación de grandes superficies comerciais, precisamente polo dano que causan no pequeno comercio. Xunto a esta aposta estratéxica queremos crear un viveiro de empresas onde dean os primeiros pasos iniciativas emprendedoras e unha liña de axudas para baixos comerciais no Casco Histórico. Ademais, aprobar o Plan Xeral permitirá desenvolver solo industrial e emprazar máis empresas no concello.

O turismo é outro dos potenciais económicos de Betanzos, cara onde deben encamiñarse as políticas municipais neste sentido?

No BNG cremos que o Casco Histórico e o medio natural teñen un gran potencial turístico, pero que Betanzos neste eido ten prácticamente todo por facer. Propoñemos a adquisición da Torre de Lanzós e a súa conversión, tras a rehabilitación, nun centro de interpretación do Casco Histórico e deseñar roteiros que poñan en valor os recursos culturais e naturais de Betanzos. Ademais, o goberno do BNG impulsará unha rede de pequenas hospedaxes con encanto, para o que non descartamos a participación pública, como xa fixemos en Allariz. Cremos que Betanzos debe orientarse cara o turismo cultural, que é onde somos fortes.

Dentro do turismo, o patrimonio histórico é unha importante fonte de promoción, que propón para protexer, dinamizar e potenciar o casco histórico?

Entendemos que o Concello ten que implicarse a fondo e actuar directamente porque o Casco Histórico é a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos. Unha política decidida de rehabilitación de vivendas co obxecto de fixar poboación, unha reurbanización de espazos públicos primando ás persoas e a extensión dos servizos propios deste século ao conxunto do barrio. O goberno do BNG adquirirá a Casa Gótica para convertila nun centro sociocultural do Casco Histórico, abrindo tamén aulas de estudo para apoiar ao colectivo universitario. Tamén defendemos que as feiras volten ás súas prazas e os organismos oficiais ás súas rúas, porque iso tamén dinamiza a zona. O Concello ten que asumir que a zona monumental é o grande atractivo que ten Betanzos e que investir nela é facer unha inversión estratéxica.

No contexto actual de crise económica, paro, etc. o fomento do emprego é unha das principais  preocupacións da cidadanía, cales son as súas propostas para fomentar emprego desde as competencias do goberno local?

No BNG entendemos que os concellos tamén teñen que implicarse para superar a situación actual. Queremos reorientar o investimento do Concello cara a economía produtiva, contribuír a xerar emprego baixo a coordinación dunha Axencia de Desenvolvemento Local. Converteremos o centro municipal de formación ocupacional nun centro punteiro que garanta a inserción no mercado laboral do seu alumnado mediante unha programación axustada ás esixencias do mercado. Finalmente, cremos que hai que poñer en valor os recursos culturais e naturais de Betanzos, porque tamén son eidos nos que se pode crear riqueza e emprego.

Cales serían as súas prioridades en caso de sair elexido alcalde?

No inmediato, afrontar un plano de limpeza e mantemento dos espazos públicos, abandonados estes últimos catro anos. Emprender de inmediato a redacción dun novo Plan Xeral para abaratar o prezo da vivenda e desenvolver solo industrial e aprobar un orzamento axustado á realidade e que oriente o gasto municipal en investimentos produtivos e creación de emprego. O goberno do BNG terá como obxectivo reactivar economicamente Betanzos e recuperar o Casco Histórico.

Atreveriase a dar un pronóstico de posibles resultados nas próximas eleccións

Penso que gañará o BNG porque Betanzos precisa un cambio e superar a actual etapa. O BNG é a única alternativa fronte a María Faraldo.

Que mensaxe daría á cidadanía para que se animen a votar o 22 de maio?

O BNG é a única forza da Corporación sen reproches xurídicos á súa xestión dos fondos públicos. Hai unha alternativa á falta de ideas de PP e PSOE, porque o BNG está cos que padecen a crise, non cos que a provocaron. Hai unha saída á situación de indecisión que atravesa Betanzos e é o proxecto de futuro que ofrece o BNG.