Animamos á veciñanza presentar alegacións contra a ORA e o estacionamento expres no Casco Histórico

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun recanto do Casco Histórico
O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun recanto do Casco Histórico

As nacionalistas facilitan pregos de alegacións á veciñanza. O BNG xa ten presentado un proxecto alternativo para regular a mobilidade peonil no Casco Histórico, garantindo zonas de servizos, de aparcamento para residentes, clientes do comercio e visitantes, en función das súas distintas necesidades.

Animamos á veciñanza presentar alegacións contra a ORA e o estacionamento expres no Casco Histórico

As nacionalistas facilitan pregos de alegacións á veciñanza. O BNG xa ten presentado un proxecto alternativo para regular a mobilidade peonil no Casco Histórico, garantindo zona de servizos, de aparcamento para residentes, clientes do comercio e visitantes, en función das súas distintas necesidades.

Betanzos, 23 de xuño de 2017. O BNG animou á veciñanza a presentar alegacións á ordenanza da ORA e o parking expres que o goberno local ten en consulta pública previa a consecuencia da nova lei de procedemento administrativo. As nacionalistas puxeron a dispor da veciñanza dous pregos para descargar, en función de se queren amosar o seu rexeitamento ao estacionamento nas rúas e prazas peonís do Casco Histórico ou se queren facelo contra a zona azul de estacionamento de pago.

“Estamos convencidas de que só os Cascos Históricos que priman as persoas sobre os coches e restrinxen o acceso rodado conseguen recuperar pulso e vitalidade”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Para nós o Casco Histórico é a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos, e desde logo iso non se vai lograr convertendo as rúas e prazas do centro histórico en estacionamento”, engadiu. “O noso modelo de cidade é o de Allariz ou Pontevedra, con cascos históricos rehabilitados, cheos de xente, comercio e servizos e o camiño que seguiron é o que ten que seguir Betanzos”, proseguiu.

Desde o BNG cren que a ordenanza de aparcamento express e ORA amosa un modelo de cidade que concibe o Casco Histórico como un problema e pretende obviar canto de singular ten. “O goberno local ten un modelo de cidade no que un entorno diferenciado como o Casco Histórico é un problema”, relata.

“PXOM, ordenanza de parking express e ORA e orzamentos amosan o modelo de cidade do PSOE: o Casco Histórico como un problema sen solucións singularizadas e un modelo de crecemento que nos leva a ser unha cidade dormitorio máis da Coruña”, relata. “No BNG temos un proxecto de cidade alternativo porque cremos que o Casco Histórico é o noso feito diferencial e en torno a el o noso concello ten que mirar o seu futuro”, explica.

Neste sentido, as nacionalistas chaman á veciñanza a “defender o maior activo patrimonial de Betanzos”. “É o que nos fai diferentes en todo o país, é o que marca a diferenza na área metropolitana e, polo tanto, non se pode pretender que se poida facer o mesmo cá en calquera rúa de calquera cidade-dormitorio da Coruña nunha praza que condensa as xoias do gótico galego”, explica Del Río.

Unha alternativa de mobilidade e estacionamento rotatorio gratis

O BNG xa ten presentado un proxecto alternativo para regular a mobilidade peonil no Casco Histórico, garantindo zonas de servizos, de aparcamento para residentes, clientes do comercio e visitantes, en función das súas distintas necesidades. Aparcamentos disuasorios con mapa coas distancias en metros e minutos aos puntos de interese, cambios de sentido de rúas e aparcamento no estacionamento soterrado do Campo para a clientela do comercio son algunhas das alternativas.

Neste sentido, tamén propoñen suprimir a zona azul de aparcamento de pago, polo seu carácter meramente recadatorio. “Hai sistemas gratuítos que garanten a rotación no aparcamento nas rúas do centro e así os cartos que se leva a empresa quedan nos petos das persoas e no comercio local”, explican. Insisten en que a ORA é inxusta porque cobra por estacionar nas vías públicas e sen atender á capacidade económica de cada persoa.

COMO PRESENTAR A TÚA ALEGACIÓN?

Descarga o modelo que che ofrecemos á marxe. Pon os teus datos e envíao a este enderezo web, preséntao no rexistro do Concello no Edificio Arquivo ou por correo postal ordinario ao Concello de Betanzos, praza de Galiza s/n, Betanzos. Pódense enviar até o 12 de xullo.