Advertimos no Pleno do estado que presentan os xogos infantís do Pasatempo

Un elemento solto do parque infantil do Pasatempo
Un elemento solto do parque infantil do Pasatempo

As nacionalistas demandaron ao goberno local que revise a fondo as reparacións efectuadas neste parque, e nos outros que se amañaron co mesmo plan provincial.

Advertimos no Pleno do estado que presentan os xogos infantís do Pasatempo

As nacionalistas demandaron ao goberno local que revise a fondo as reparacións efectuadas neste parque, e nos outros que se amañaron co mesmo plan provincial.

Betanzos, 13 de novembro de 2017. O BNG advertiu no Pleno do estado que presentan os xogos infantís do Pasatempo. Malia que recentemente foron amañados, segundo indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “presentan diversos desperfectos que xeran unha situación de perigo potencial para os seus usuarios”.

Neste sentido, desde o BNG indican que entre estes desperfectos hai “pezas soltas, sen fixar ou separadas, mesmo de elementos de presunta seguridade como pasamáns de escaleiras”. “Tendo presente que tipo de usuarios teñen estas instalacións, cremos que se debera poñer máis atención á hora de supervisar estes traballos”, explica.

As nacionalistas demandaron ao goberno local que revise a fondo as reparacións efectuadas neste parque, e nos outros que se amañaron co mesmo plan provincial. “Teñen pensado requirir á empresa que executou os traballos que corrixa todas estas deficiencias” interpelou Del Río.

Desde o BNG xa propuxeron que se aproveitasen estes traballos de reparación e mantemento dos parques infantís para instalar máis xogos adaptados para crianzas menores de tres anos. “Os únicos que hai están no Pasatempo, cando se poderían colocar polos distintos barrios de Betanzos”, explican.