Advertimos de que o agasallo institucional que o goberno local encargou para o 800 aniversario está rematando en tendas de segunda man

A figura na vitrina dunha tenda na Coruña
A figura na vitrina dunha tenda na Coruña

Segundo a conta xeral do pasado ano 2018, o goberno do PSOE dilapidou máis de 49 000 euros (sobre os 9600 previstos no orzamento) en atencións protocolarias e representativas e outros 45.000 en propaganda

Advertimos de que o agasallo institucional que o goberno local encargou para o 800 aniversario está rematando en tendas de segunda man

Betanzos, 30 de outubro de 2019. O BNG advertiu no Pleno de que o agasallo institucional que o goberno local encargou para o 800 aniversario está rematando en tendas de segunda man na cidade da Coruña. “Desde o pasado mes de febreiro o goberno local repartiu xenerosamente imaxes do logotipo do 800 aniversario do traslado da cidade” ironizou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, antes de dar o dato.

“Descoñecemos os criterios que levaron ao goberno local a decidir quen era VIP e merecente do 8 de porcelana e quen non, mais o certo é que non é algo ao alcance de todas mais, porén, pagámolo todas” engadiu. “É un de tantos gastos en atencións protocolarias que descoñecemos contía e importe, polo que solicitamos que nos expliquen canto nos custou o contrato de deseño exclusivo e entrega das figuras de porcelana do Castro, con copia de contratos e facturas” abundou o edil nacionalista.

Desde o BNG recordan que, segundo a conta xeral do pasado ano 2018, o goberno do PSOE dilapidou máis de 49 000 euros (sobre os 9600 previstos no orzamento) en atencións protocolarias e representativas e outros 45 000 en propaganda. “Aínda terán a cara de volver dicirnos que semellante gasto responde tan só aos petiscos que dan aos integrantes da Banda tras un concerto”, ironiza Del Río.

“Non sei se saben que algún deses VIP non tivo en consideración a xenerosidade do goberno local cos cartos públicos e puxo á venda, en segunda man, a famosa figurita” ironizou no Pleno o edil nacionalista. ”Consideran que isto, que acaba en tendas de segunda man uns meses despois de ser entregada, aporta realmente algo á veciñanza?” interpelou á rexedora, María Barral. “Non cremos que aporte algo a Betanzos este tipo de dispendios nin que solucione ningún problema da veciñanza”, abundou.

Henrique del Río referiuse tamén ao uso, por outras empresas, dese logotipo propiedade do Concello. “En que termos cederon os dereitos sobre a imaxe e que lle reporta ao Concello tal cesión”, preguntou.

Advertimos de que o agasallo institucional que o goberno local encargou para o 800 aniversario está rematando en tendas de segunda man